COMO SERÁ A ABAU DE 2021?
COMO SERÁ A ABAU DE 2021?
A proba da avaliación de bacharelato para o acceso á universidade (ABAU) estruturarase en dúas partes: parte obrigatoria e parte voluntaria.
A parte obrigatoria da proba serán as materias xerais do bloque das materias troncais da modalidade elixida.
A parte voluntaria servirá para mellorar a nota de admisión e o alumnado poderá examinarse dun máximo de catro materias, que elixirá entre as materias de opción do bloque de troncais de segundo curso de calquera modalidade e as materias xerais troncais específicas de modalidade distintas daquela da que se examinen na parte obrigatoria da proba
As probas:
Farase unha proba por cada unha das materias obxecto de avaliación.
O exercicio de cada materia será único e determinado por sorteo público pola CiUG.
Os exercicios adecuaranse ao currículo do bacharelato, e versarán sobre as materias do segundo curso.
En cada proba, o alumnado disporá dunha única proposta de exame con varias preguntas.
Para a realización dos exercicios, o alumnado poderá empregar, á súa elección, calquera das linguas oficiais de Galicia. Non obstante, os exercicios correspondentes a Lingua Castelá e Literatura II, Lingua Galega e Literatura II e Primeira e Segunda Lingua Estranxeira II deberán realizarse nos seus respectivos idiomas.
Cada unha das probas da avaliación de bacharelato para o acceso á universidade terá unha duración de 90 minutos. Haberá un descanso entre probas consecutivas de, como mínimo, 30 minutos.
Cada unha das probas conterá preguntas abertas e semiabertas que requirirán do alumnado capacidade de pensamento crítico, reflexión e madurez. Ademais destes tipos de preguntas, poderanse utilizar tamén preguntas de opción múltiple, sempre que en cada unha das probas a puntuación asignada ao total de preguntas abertas e semiabertas alcance, como mínimo, o 50 %:
De opción múltiple: preguntas cunha soa resposta correcta inequívoca, o alumno limitarase a elixir unha das opcións propostas.
Semiabertas: preguntas con resposta correcta inequívoca e que exixen construción por parte do alumno ou da alumna. Esta construción será breve, por exemplo un número que dea resposta a un problema matemático, ou unha palabra que complete unha frase ou dea resposta a unha cuestión sempre que non se facilite unha lista de posibles respostas.
Abertas: preguntas que exixen construción por parte do alumno ou da alumna e que non teñen unha soa resposta correcta inequívoca.
Realizaranse dúas convocatorias,unha ordinaria e outra extraordinaria:
-Convocatoria ordinaria: 8-9-10 xuño
- Convocatoria extraordinaria: 13-14-15 xullo
Máis información: https://ciug.gal/gal/abau
!!!!!!
Comentarios
Publicar un comentario